Así son as novas métricas de Facebook | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

3 Comentarios

Así son as novas métricas de Facebook

Así son as novas métricas de Facebook
Antía Paz
  • En Outubro 24, 2013
  • http://about.me/antiapaz

Medir as interaccións dos nosos seguidores na nosa páxina é moi divertido (a min encántame cotillear o que facedes na nosa fanpage) e ademais resulta moi útil á hora de extraer información. Non só para saber qué contidos son os que interesan máis e cales menos aos nosos seguidores, tamén nos servirá de guía para entender ao noso público e orientar mellor as nosas vendas ou ofertas tanto a nivel físico como a través das redes sociais.

Se es novato nisto ou se nunca te paraches a fedellar nas métricas da túa fanpage en Facebook (ese apartado que aparece na parte superior da páxina cando accedes a ela), témosche preparado un tutorial para poder sacar a maior cantidade de información posible, e saber cómo empregala. Colle lapis e papel, que comezamos: Accederemos á trastenda da nosa fanpage a través deste menú, coa vista xeral (overview) da última semana:

fb 2

 

. Gústames

No apartado de “Gústames” (likes) podemos comprobar como medra (ou decrece -ouch!-) a nosa audiencia. Aquí poderemos seguir un a un o número de seguidores que ten a nosa fanpage e ver a súa evolución, discriminando datas. Poderemos ver como se comportan a longo prazo e tamén o seu movemento día a día: Os novos seguidores, os que decidiron marchar… e aprender. Se un día en concreto chegaron moitos seguidores (ou os perdemos!), podemos buscar a qué obedece o seu comportamento. Se cadra, lanzamos unha publicación que gustou (ou non) ou unha promoción que deixou pegada. Asimesmo, neste apartado poderemos descubrir de qué xeito chegan os nosos seguidores (un dispositivo móbil? viñeron buscando directamente a nosa fanpage? alguén compartiu un contido que chamou a atención a moitos dos seus amigos?).

fb5

 

. Alcance

O “alcance” (reach) indica o lonxe que chegou cada unha das nosas publicacións. As nosas publicacións acadan máis visibilidade cantas máis veces se compartan, comenten ou reciban un “gústame”. Cada persoa que comenta ou clica en “gústame” fai visible esta actividade no seu timeline para o resto dos seus amigos (evidentemente, se a comparte no seu muro, aínda máis). Por iso é esencial xerar contidos de calidade e que atraian ao público. Se os contidos relacionados con novidades do noso sector obteñen máis interaccións que os relacionados con noticias, ou se a roupa de muller da nosa tenda obtén unha visibilidade que triplica a de roupa de home, xa sabemos por onde temos que tirar… Asimesmo, se a interacción do público na nosa páxina é constante e un día notamos un pico negativo, poida que ese contido compartido fose percibido como pouco axeitado ou mesmo catalogado coma spam.

Neste apartado poderemos comprobar tamén, se é que nalgún momento pagamos por promocionar o alcance dun post (tranquilos, entraremos en materia en vindeiros tutoriais), a cantidade de interaccións obtidas polos contidos de pago fronte aos contidos de balde (e ver se, efectivamente, compensa).

fb7

 

. Visitas

O apartado de “visitas” (visits -coido que este non precisaba tradución-) é se cadra un dos máis interesantes. Nel podemos comprobar como chega a xente á nosa fanpage. Se os seguidores chegan a través de buscadores, se chegan dende a nosa web, doutras redes sociais, dunha campaña de mailing… ou doutras sorprendentes vías (nós temos un fan que chegou a través do buscador de Yahoo!). Aquí tamén podemos comprobar que é o que visita a xente unha vez na nosa páxina: Se se moven a través das diferentes publicacións, se visitan os álbumes de fotos, a pestana de información ou de qué forma interactúan con nós. Esta pestana tamén nos dirá se comparten a nosa fanpage e se publican contidos nela (preguntas, dúbidas, comentarios, etc).

Grazas á información que nos ofrece este apartado podemos comprobar se as nosas campañas fóra da fanpage están a obter os resultados esperados e, de non ser así, estaremos a tempo de enmendalo.

fb9

 

. Publicacións

Todos e cada un dos contidos que publicamos na nosa fanpage están separados individualmente nesta pestana (posts). Aquí podemos analizar o número de interaccións e o nivel de visibilidade de cada unha das nosas publicacións. De cada unha! Podemos ordealas de maior número de interaccións a menor e así ter unha idea aproximada dos contidos que máis interesan aos nosos seguidores e continuar por esa senda… ou ben reelaborar a nosa estratexia de comunicación en base a estes datos. Ademais, se cremos que algún contido merece ser promocionado (pagando) poderemos facelo dende aquí cun par de clics.

fb11

 

. Seguidores

O último apartado das métricas de Facebook é o relacionado coa información demográfica dos nosos seguidores (fans). Son máis homes ou mulleres? trátase dun público novo ou maduro? son da nosa cidade ou están espallados polo mundo? en que idioma falan (ou se deron de alta en Facebook)? Aquí poderemos recoller toda a información demográfica (pero anónima) dos nosos usuarios. Para que a queremos? Pois aparte de para curiosidades coma que en Ganapán temos o mesmo número de seguidores dende Beluso que dende a República Checa, para decidir, en base ao noso tipo de seguidores, se queremos reorientar os contidos da nosa fanpage e probar sorte.

fb13

 

Non existe a campaña perfecta en redes sociais nin a infalible. Non hai un botonciño máxico que convirte un contido en viral ou unha campaña en millóns de euros, pero a través das estatísticas e a información sobre os nosos usuarios podemos reaxustar os nosos contidos e acadar a tan devecida harmonía entre unha marca e os seus seguidores.

Comentarios

  1. Marta

    SÚPER interesante e útil este post. Sí señora! Grazas!

Deixa un comentario

UA-43720748-1