Como non levar adiante unha estratexia de comunicación | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

4 Comentarios

Como NON levar adiante unha estratexia de comunicación

Como NON levar adiante unha estratexia de comunicación
Antía Paz
  • En Setembro 19, 2013
  • http://about.me/antiapaz

Este post está baseado en feitos reais. Os nomes e referencias poden estar modificados para manter a privacidade dos seus protagonistas. Ou tamén podo dicir que isto lle pasou a unha amiga, coma nos consultorios das revistas adolescentes.

O que vos vou contar é o claro exemplo de como NON levar adiante unha estratexia de comunicación: Hai un tempo indeterminado a miña amiga foi contratada nun proxecto TIC que comezaba a súa andaina. O producto no que se traballaba atopábase xa nun estadío moi avanzado, a piques de lanzarse ao público e, nese momento (e non antes), a empresa requeriu dun departamento de comunicación. Para esas funcións foi contratada unha equipa con ampla experiencia en marketing e comunicación ás súas costas. As súas funcións: lanzar en medios o producto (tanto prensa xeral coma especializada), dalo a coñecer a través das redes sociais, buscar betatesters e usuarios para a aplicación móbil e obter ingresos publicitarios de posibles compradores. E todo iso, nos quince días previos ao seu lanzamento. E a ser posible, de balde.

O primeiro problema co que esta equipa se atopou foi, se cadra, o máis grave: a desconfianza na súa labor por parte da dirección da empresa. É evidente que a confianza cega non existe, e menos nos negocios, pero cando contratamos a alguén para que leve adiante parte do traballo que conseguirá pór o noso producto nos petos dos usuarios, debemos deixarnos asesorar. Se un profesional con experiencia recomenda algo, salvo que sexa completamente descabelado (ou supoña unha inversión desorbitada e irracional) debemos fiarnos de quen sabe. Estamos en boas mans, estamos ben asesorados e, pola conta que lles trae, os expertos non boicotearán o producto porque o seu futuro tamén vai nel.

“Eu non creo nas redes sociais” foi o seguinte. O director do proxecto negaba calquera tipo de comunicación en redes sociais ou medios especializados previa ao lanzamento. Así, o traballo previo que hai que levar a cabo cando se lanza un producto -ofrecendo avances, buscando seguidores interesados, facendo que pique a curiosidade de posibles clientes- foi inexistente por expresa prohibición da empresa. Se ninguén sabe que lanzas algo, é probable que ninguén o merque.

“Isto podemos conseguilo de balde”. Certo é que hai moitas plataformas, foros, redes e medios online que funcionan de balde, e todos temos amigos que poden botarnos unha man desinteresadamente. Pero destes recursos podes tirar unha vez, dúas… non eternamente. A labor dun departamento de comunicación é buscar o xeito de facer visible o teu producto da forma máis eficiente (e barata) posible. Pero invertir en publicidade de pago cando lanzas unha ferramenta ambiciosa é un bo consello, sobre todo se tes como obxectivo a curto prazo un número de usuarios ou descargas determinadas. Banners en medios especializados -ti contratas publicidade, eles pechan unha entrevista-, campañas de AdWords para favorecer o posicionamento e visibilidade en Google, pagar bloggers reputados para que fagan unha reseña e testers que comenten o seu funcionamento nos días previos, ou mesmo facer inversión en prensa, cuñas na radio ou accións locais na rúa que esperten a curiosidade dos transeúntes (nada de flashmobs ou lipdubs, ¡non volvamos a 2011!) son algunhas ideas que reportarán beneficios a curto-medio prazo e conseguirán a devezada visibilidade.

Para facer as cousas ben hai que ter paciencia. O tempo nunca corre ao noso favor, pero unha pequena previsión, un calendario de accións e unha organización previa feitos con seriedade serán claves para tentar acadar o tan ansiado éxito.

Se queredes saber como remata esta historia, a miña amiga estará encantada de contárvolo en persoa.

 

Comentarios

  1. Beatriz

    ¿Qué é un betatester? Podería googlealo, pero prefiro preguntarcho aqui, podida que máis xente teña a mesma dúbida…

    • Ola, Bea!
      Pois é unha persoa que se dedica a testear betas (é dicir, versións non finalizadas, previas ao lanzamento) de programas, aplicacións, etc. No caso da nosa amiga, tratábase de buscar betatesters para unha aplicación móbil.

Deixa un comentario

UA-43720748-1