Do que puido ser e non foi (redes sociais desaparecidas) | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

Un comentario

Do que puido ser e non foi:

Do que puido ser e non foi:
Antía Paz
  • En Marzo 12, 2014
  • http://about.me/antiapaz

… ou algunhas desas redes que naceron para romper os esquemas e esmoreceron pola súa propia conta.

Esta semana chamábanos a atención que moitos dos nosos contactos voltaban falar de Vituin, unha “rede social galega” que nacía no 2013 e que estes días se “relanzaba” cun novo deseño (se queredes saber máis, podedes ler este máis que recomendable artigo de Marcus Fernández). Ao fío desta nova comezamos a enumerar cantas redes sociais coñecemos que naceran co mesmo obxectivo: desbancar a Facebook, e cantas o acadaran de verdade (xa imaxinades o resultado). Para non deixarnos ningunha atrás, onte pedímosvos a través de Twitter que nos axudarades a confeccionar esta lista. Así que velaquí vai, a nosa/vosa listaxe de redes que ían romper con todo e quedaron no intento:

Vituin dá un pouco de medo. Lánzase coma a “primeira rede social galega” (sen ser practicamente ningunha de todas esas cousas). Pouco máis podemos engadir que o xa dito ao longo destes días (ao post de M.Fernández vos remitimos), polo que vaticinamos que só nos queda sentar e agardar.

. Pervi (non podemos engadir unha ligazón porque xa non existe esta rede) é, se cadra, o exemplo máis claro de “querer sen saber”. No seu blog, Rubén Bastón falou no seu momento sobre o lanzamento desta rede, os seus perigos e a máis que deficiente cobertura mediática por parte da prensa non especializada.

Pero non só de intentos cutres imos falar hoxe, tamén daquelas redes nas que algún de nós se rexistrou no seu día e que hoxe teñen un uso residual ou, directamente, desapareceron.

Xing é, por definición, o “antigo LinkedIn”. Unha rede social creada no 2003 que unía a busca de emprego e a relación entre profesionais, para xerar debate e compartir experiencias e coñecementos. A día de hoxe segue en activo e conta coa metade de usuarios que LinkedIn, a maior parte deles, inactivos. Ao fío de Xing, debemos mencionar Neurona e eConozco, as primeiras redes en español adicadas á busca de emprego e nas que compartir experiencias laborais e buscar a interacción con outros usuarios ou empresas. No 2007, Xing mercou e integrou Neurona e eConozco baixo o seu dominio.

Kiltr é case unha curiosidade: unha rede social escocesa. Sempre nos parecerá sorprendente a capacidade dos usuarios de crear redes “xeodefinidas”.

Quora é o exemplo da rede que o tenta unha e outra vez. Deime de alta en Quora no 2011 e, malia ser un lugar de debate no que poder facer preguntas que serán contestadas (supostamente) por contactos e usuarios expertos na materia (coma un Yahoo Answers serio), recoñezo que accedo a esta rede de forma residual. Coma a meirande parte dos seus usuarios.

Google Buzz, DEP. Tres intentos de “rede social” ou “espazo colaborativo” tivo Google. Dous deles están mortos e o terceiro, Google+, iría camiño do mesmo se non fose porque calquera usuario que conte cun enderezo de mail de Gmail ten, agora mesmo, un perfil nesta rede. Úseo ou non (medrar en número de usuarios deste xeito é trampa, Google!).

Google Wave, o segundo intento. Pasou tres veces pola UCI e Google conseguiu reanimalo dúas. Ao terceiro intento, en abril de 2012, desapareceu. Se cadra, Apache (quen comprou o desarrollo desta aplicación) segue fedellando nel…

Ping, de Apple, foi un deses fracasos sonados da compañía da mazá (sempre quixen escribir isto). Ping naceu coma unha rede social de música na que usuarios, artistas e novas tendencias fosen dando forma e contido a este espazo. A rede social de Apple quedou nun pouco honroso intento que tivo exactamente un ano de vida.

Diaspora naceu no 2010 coma unha alternativa en software libre a Facebook. Supostamente, os usuarios poderían crear, a través deste espazo, as súas propias redes, completamente adaptadas aos seus intereses. Na actualidade estímanselle uns 400.000 usuarios en todo o mundo, menos da metade en activo.

FriendFeed non era exactamente unha rede social, senón un “agregador” de redes e contidos que se publicaban e compartían nas mesmas. Lanzado en 2007, no 2009 foi comprado por Facebook por uns 47 millóns de dólares, nun dos xa coñecidos movementos de Zuckerberg por eliminar á competencia a golpe de talonario (ei, Mark, amigo, en “contacto” tes tódolos nosos datos!)

. Hi5 Entre nós: cantas veces vos chegou un email dun contacto convidándovos a utilizar Hi5 e cantas veces pensastes que era spam? Si, a nós tamén. Hi5 naceu no 2003 e foi comprada por Tagged (outra rede social menor) no 2011. Malia contar cuns 50 millóns de usuarios, a meirande parte deles xa non están en activo.

. Path, teño que confesalo, foi a miña rede social favorita durante un ano enteiro. Quen me siga nalgunha rede social poderá comprobalo facilmente. É unha rede social visualmente preciosa, sinxela de usar, que en orixe só che permitía ter 25 contactos, tan só en versión móbil e (o mellor de todo) só para iOS. Lanzouse a finais de 2010 e popularizouse un ano despois. E así como veu, foise. Decreceu tanto o seu uso (de tódolos meus contactos, na actualidade ninguén a usa) que esta semana estiven a piques de eliminala do meu terminal.

FriendFace, de tódalas redes sociais analizadas neste post, esta é a nosa favorita. Mágoa que só existise na ficción:

Sabemos que nos quedan moitas atrás, pero pensamos que como primeira achega está ben. Deixámosvos os comentarios para que sigades aumentando a lista con nós.

Pd. Agora que comezamos este rañar (e aproveitando todo o que se está a falar estes días sobre apps de mensaxería instantánea), dannos ganas de facer unha vindeira edición analizando tódolos “substitutos do Whatsapp” galegos ou españois aos que a prensa lles fixo un oco.

Comentarios

Deixa un comentario

UA-43720748-1