Estar na Web Social é barato, non estar pode saír caro | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

10 Comentarios

“Estar na Web Social é barato, non estar pode saír caro”

“Estar na Web Social é barato, non estar pode saír caro”
Agos Reigosa
  • En Setembro 10, 2013
  • http://about.me/agos_reigosa

Un dos mellores e máis eficaces sistemas de información dende hai moito tempo é o boca-orella. Este sistema, que se basea en algo tan sinxelo como é contarlle ao teus achegados a túa experiencia, foi e será sempre unha das mellores formas de facer marketing. Dende as orixes dos tempos, este sistema de información serviu para fornecer tanto ao locutor como ao ouvinte de información, intercambiar opinións e, como non, criticar.

O máis interesante disto é que o boca-orella soubo evolucionar segundo foi avanzando a sociedade: se nun primeiro momento era necesaria a presenza física para poder intercambiar opinións, a chegada do teléfono facilitou que estas viaxasen máis lonxe aínda. A aparición dos móbiles favoreceu a inmediatez do proceso e agora, coa chegada de internet e os smartphones, a difusión do boca-orella viuse ampliada ao seu máximo expoñente.

“coa chegada de internet e os smartphones, a difusión do boca-orella viuse ampliada ao seu máximo expoñente”

Este sistema, coma todos, ten os seus puntos fortes e febles: Todos sabemos que unha mala experiencia nun local transmitirase moito máis axiña que unha boa. Ao mesmo tempo, todas e cada unha das opinións terán unha relevancia moi alta, pois proveñen dunha das fontes máis fiables: o consumidor. Grazas a internet, hoxe en día este boca-orella tomou unhas dimensións moito maiores das que ninguén podía imaxinar nos seus comezos.

Agora non fai falla saír da casa para ter á nosa disposición información de practicamente calquer restaurante, librería ou comercio que poidamos imaxinar, e todo isto sen que o propietario do local tivera que pór un dedo na rede. Se non o credes, facede a proba: Os buscadores e as redes sociais encárganse de que isto sexa así. Probade a buscar o bar da esquina en Google; se non ten páxina web, fanpage en Facebook, ou perfil en Twitter, terá o seu lugar en Foursquare, unha aplicación que permite falar dun lugar onde estivemos, comentando o que máis nos gustou e o que menos… e lembrade: o negativo sempre se comenta antes.

O asesor en estratexia online Alfonso Alcántara, máis coñecido coma Yoriento, nos di que “estar nas redes sociais é barato, pero non estar pode saírche moi caro“. Como vimos de comentar, estar é inevitable, xa que a nosa marca non é nosa máis aló da porta do negocio. A partir de aí o boca orella fai o resto. Estar en internet, tomar as rendas da presenza en redes sociais da nosa marca é necesario, xa non só para saber que din de nós, senón tamén para poder crear unha imaxe, ter a oportunidade de relacionarnos cos nosos clientes nun terreo neutral, enmendar erros chegado o caso e, sobre todo, aprender.

Internet e as redes sociais non son cousas do futuro, son o presente inmediato, e saber que facer e como facelo é algo necesario. Para unha empresa, sexa cal sexa o seu sector, a redes sociais son o novo boca-orella só que cunha diferenza: esta vez podemos ser parte activa do proceso, e para iso hai que facelo ben.

Imaxe: Daniel Iversen

Comentarios

  1. Pablo

    E cal e a vosa opinión sobre basear a presenza online unicamente en concursos e ofertas?

    • Esa é unha boa pregunta.
      O primeiro que debes pensar como empresa é a imaxe que queres transmitir aos teus clientes, pois esta máis a suma das súas experiencias darán como resultado a imaxe real que eles terán da túa compañía. Como idea facer algún que outro concurso non é algo necesariamente malo, axuda a que os clientes se relacionen máis coa empresa e muden lixeiramente a súa visión dela, o mesmo pode pasar con realizar algunhas ofertas puntuais. Todo o que fagas e que axude a achegar os clientes á empresa e a que a visión que teñan dela sexa máis positiva é ben visto.

      Agora ben, se toda a túa estratexia se basea unicamente en concursos e ofertas a túa imaxe estará baseada nestos criterios, os teus clientes non te relacionarán con produtos de calidade, cun bo servizo postventa ou con unha atención impecable, todos o que fagas fóra de ofertas e concursos estará mal visto e non será valorado. Pensas que esa é a túa vantaxe? o teu obxectivo é ser o líder ofrecendo concursos e ofertas? Pois entón adiante, senón é así eu quitaría da miña mente esa idea de inmediato.

  2. markos

    pues hai un garito en mi ciudad que de vez en cuando pone flyers en el facebok de 2×1.. y no veas como triunfa

    • Dende logo!
      Como comento na resposta anterior as promocións poden ser un bo complemento, sobre todo se se usan como ti dis ‘de vez en cuando’ pero para que o efecto sexa duradeiro e real, non só un espellismo dunha noite, estas promocións teñen que ser só un complemento e vir acompañadas dun bo traballo que as respalde. Se o garito que ti comentas non fose atractivo a xente non consideraría ir por moitos descontos que lle fixeras e a longo prazo tería que pechar.

      As promocións poden ser un bo complemento que faga caer a balanza ao teu favor en caso de dúbida, pero para iso primeiro tes que ser un rival a altura e iso non se consegue con promocións e descontos.

  3. Mateo

    Un gran traballo, uns artigos realmente interesantes e por se fose pouco, non queda nin unha dúbida no aire! así da gusto

    Seguide así :) o bo traballo faise notar.

Deixa un comentario

UA-43720748-1