Formatos publicitarios noutras redes sociais | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

Sen comentarios

Formatos publicitarios noutras redes sociais

Formatos publicitarios noutras redes sociais
Antía Paz
  • En Novembro 15, 2013
  • http://about.me/antiapaz

Seguindo a liña dos posts da pasada semana sobre formatos publicitarios nas diferentes redes sociais, pechamos a serie analizando a publicidade nas redes menores.

 

. Google+

A publicidade en Google+ non existe per se, pero si podemos invertir en Google Ads, o servizo publicitario de Google, para posicionar os nosos resultados no buscador e no resto de webs que empregan a rede publicitaria de Google. Esta rede é o eterno segundo prato: semella que calquera día pasará por riba de Facebook e será o monstruo das redes sociais… pero ese día nunca dá chegado. Por outra parte, o feito de que novos informes sobre busca natural en Google apunten a que Google+ non está favorecida a nivel SEO polo seu buscador réstanlle certa importancia.

 

. Pinterest

Como xa comentamos aquí no seu día, Pinterest comeza a insertar publicidade entre os pins da súa rede. Malia que de momento a posibilidade de anunciarse nesta rede só está disponible en Estados Unidos, queremos crer que non tardará moito en chegar a Europa. De momento, o único formato publicitario que se emprega nesta rede é o pin de pago. Isto é, un contido que se amosa entre a nosa busca, funcionando do mesmo xeito que os posts patrocinados de Facebook ou os tweets patrocinados. O contido etiquétase cunha serie de palabras polas que será atopado e amosarase aos usuarios que están a buscar contidos similares.

 

. Instagram

A chegada da publicidade a Instagram xerou unha marea de opinións negativas, críticas e usuarios enfurecidos. Así, o día 1 de novembro, no que se insertou o primeiro anuncio, pasou a ser coñecido entre os seus usuarios coma o “día da ira”. Dende que fóra adquirida por Facebook hai uns meses, esta rede tomou unha deriva na busca de beneficios, que non está a ser ben acollida. A publicidade nesta rede, de momento só visible nos Estados Unidos, amosarase entre os contidos que estamos a ver, coma no caso dos insertos publicitarios no noso muro de Facebook, e serán facilmente ocultables.

 

. Tumblr

O pasado mes de maio, Yahoo adquiriu Tumblr case por sorpresa. Dende ese momento, os contidos de Tumblr pasaron a estar algo “vixiados” e moitos espazos que compartían contidos NSFW (as siglas para “isto mellor non o abras na oficina”) foron catalogados para +18 ou directamente censurados. A publicidade en Tumblr cóase polo medio dos contidos do noso Dashboard (isto é, o espazo onde podemos ver tódolos contidos dos usuarios aos que seguimos) en función dos nosos intereses. A súa compra, de momento, está limitada a grandes contas. Claro que sempre nos quedará a opción, como pequenos usuarios, de engadir Google Ads ao noso espazo e sacarlle uns euriños.

 

. Foursquare

A nosa rede de xeolocalización favorita ten un sinxelo (e eficaz) sistema publicitario. Os anuncios sobre o noso negocio amósanse na aplicación móbil por proximidade ao negocio ou por buscas relacionadas, pero nunca a clientes que xa están no noso local. O pago dos mesmos faise só por interacción, non por amosarse aos usuarios. Ah, se vivisemos nos Estados Unidos, teriamos 50$ de balde para invertir en publicidade (va que vos entran ganas de cambiar de país?).

 

. Yelp

A outra rede que xoga coa xeolocalización ten un amplo abano de posibilidades para anunciarnos. Así, podemos contratar case calquera tipo de banner que se nos ocorra, dende a cabeceira a diferentes opcións de menor tamaño (e custo) ao longo da páxina principal ou as secundarias. Podemos marxinar os anuncios por características demográficas, sociais ou intereses do usuario e pagamos para mellorar o seu posicionamento na busca, coma no caso dos Google Ads. O seu importe, para negocios locais, vai dende os 150€ a 800€ ao mes.

 

. LinkedIn

A rede social profesional que máis usuarios suma neste momento é LinkedIn. Nela, podemos insertar publicidade segmentándoa por intereses e características dos usuarios aos que queremos que se amose: demografía, localización, formación, intereses… Os anuncios funcionan a través de pago por clic ou pago por impresión, facendo sempre unha inversión mínima de 10€ ao día. A parte positiva é que podes analizar ata o máis mínimo detalle da campaña a través dos informes diarios, semanais e mensuais que ofrece LinkedIn. A parte negativa é que non todo o mundo está nesta rede… e poida que o que queremos anunciar non se adapte á mesma.

 

. Tuenti

¿Quen emprega Tuenti a día de hoxe? Sorprenderiámonos ao descubrir o número de usuarios que seguen a empregar esta rede social. Malia vivir un descalabro nestes últimos dous anos, xa que a meirande parte dos seus usuarios obxectivo (isto é, os adolescentes) deron o salto a Facebook e de aí a Twitter (un día deberiamos falar longo e tendido sobre os nosos hábitos nas redes sociais), Tuenti tenta captar anunciantes a través de melloras e ofertas. A día de hoxe Tuenti ofrécenos as seguintes posibilidades: eventos patrocinados (ofertas, festas, promocións… que se poden compartir entre usuarios), publicidade na portada (a pantalla de carga -parece que estamos a falar de 2005- amosa durante uns 10 segundos un anuncio que ocupa toda a portada), páxinas Premium,  anuncios sociais ao estilo de Facebook (cunha inversión mínima de 5€), anuncios para a versión mobile, e anuncios en formato vídeo que se amosan na marxe inferior dereita da páxina principal.

 

Con isto completamos a información sobre formatos publicitarios nas principais redes sociais do noso país. Certo é que non son as únicas, e que o éxito das nosas campañas non dependerá da inversión senón dos contidos e do servizo que ofrezamos aí fóra pero… se queremos probar sorte, velaquí están as claves.

Deixa un comentario

UA-43720748-1