Ganapán entrevista a Antía Paz | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

Un comentario

Ganapán entrevista a Antía Paz

Ganapán entrevista a Antía Paz
Ganapán Comunicación

Pechamos as nosas entrevistas ganapaneiras con Antía Paz, a Directora Executiva deste fermoso lugar e tamén a persoa que está detrás das redes sociais nas que nos seguides (se tedes algún comentario ou queixa, este é o momento de facerllo saber :D). A entrevista foi feita por Agos Reigosa e David Lamas:

David: -Que botas de menos, e que de sobra, das axencias de Social Media que coñeces, que fan que o noso proxecto se diferencie destas?
Antía: -Vaiamos por partes: Das axencias grandes boto en falta, nesta nova etapa, a “seguridade” que che dá ser un traballador por conta allea, así como a capacidade dunha gran axencia á hora de facer grandes inversións. Que sobra nas axencias grandes de marketing? A miña experiencia dime que sobran fume a vender e profesionais contratados moi por debaixo da súa valía (e mesmo da súa categoría laboral). Para min, unha das grandes diferenzas de Ganapán fronte ás axencias “ao uso” é a aposta firme pola honestidade: O esforzo custa o que custa, as ferramentas que empregamos teñen un prezo que se pode buscar e a rede de profesionais coa que traballamos conta coas súas propias tarifas. Non está no noso obxectivo facernos multimillonarios a costa do pequeno comerciante, nada máis aló de elaborar un traballo de calidade, que satisfaga aos nosos clientes e do que, evidentemente, poidamos vivir. Os sobrecustos, os fees ocultos, as facturas redondeadas e as permanencias deberían quedar atrás, máis nos tempos nos que vivimos.

David: -Atopamos, infinidade de veces, que son os propios usuarios os que crean espazos nas redes para as súas tendas e negocios favoritos. Cres na irremediable presenza dos negocios nas redes sociais, ou poden seguir empregando medios offline?
Antía:
-Para min, o online e o offline son complementarios. Por un lado para o comerciante é importante ter o seu local ben atendido, co material coidado e en perfecto estado de venda e uso, ofrecendo prezos competitivos e proporcionando unha atención coidada aos seus clientes. O online é unha extensión desta comunicación co cliente, que tamén serve para buscar novos lugares nos que anunciar os seus productos. Como usuaria busco o mesmo: que a nivel offline me ofrezan unha boa selección de productos a un prezo axustado á súa calidade e unha atención coidada que se faga extensible ao mundo online. Por desgraza, esta experiencia co pequeno comercio non sempre é así. Moitas veces atopamos espazos nas redes creados por consumidores enfurecidos, nos que todo son críticas e malas experiencias, ou páxinas de “fans” do local, bar, grupo musical en cuestión nos que a información non se actualiza ou non se adecúa ao ton que o negocio merece.

David: -Ata que punto credes que unha custosa campaña pode mellorar un produto que non merece por calidade?
Antía: -Eu, directamente, non creo que isto pase. Como ben dicía Agos respostando a esta pregunta, os consumidores somos máis listos. Poida que consigas vender n+100 productos cunha custosísima campaña de marketing. Pero os venderás unha soa vez. Se o teu producto é de calidade e a atención que ofreces aos teus clientes tanto in situ coma online é exquisita, confía no teu bo facer, no boca-orella dos teus clientes tanto na rede coma na rúa e verás que as vendas son constantes e, sobre todo, obterás clientes fieis.

David: -Cinco motivos polos que renegades de Android frente IOS? (e non vale dicir “porque si”)
Antía:
-Cinco? Por usabilidade: xa que dende o momento no que o sacas da caixa por primeira vez ata que está operativo, o único que se che pide é que selecciones o idioma no que o queres empregrar. Porque instalar e desinstalar apps é simplísimo. Porque non teño que romperme a cabeza co espazo libre na memoria interna. Porque o dúo iPhone/Mac resulta a ferramenta definitiva. E por bonito. Si, que pasa?

David: -Vós que sodes de Apple, a que cheiran as clouds?
Antía:
-A Matrix.

Agos: -Os blogs son unha das mellores formas de expresarse na rede, cal foi o primeiro blog ao que vos afeccionástedes e por que?
Antía:
-Síntome un pouco vella botando contas… Hai máis dunha década que abrín o meu primeiro blog (moi adolescente) na rede (do que espero, por favor, que non quede rastro). Daquela época (ou se cadra, algo posteriores, a memoria falla) lembro dous blogs que visitaba con obsesiva asiduidade: todonada e cabrafanada. Todonada era o primeiro blog (coido) de María Yáñez. Encantábame (e en presente) a súa forma de escribir, lela era como tela sentada no sofá contándoche as súas cousas. Cabrafanada era (e segue a ser) o blog de Fran Alonso, o meu escritor galego favorito. Nel podes ler dende parte do seu traballo, anécdotas, comentarios sobre a actualidade… un gran tipo.

Agos: -Hoxe en día podemos atopar un sin fin de servizos na rede, para escoitar música, para escribir… Cal é o voso preferido ou o que máis usades e como chegastes a el?
Antía:
-Coido que son dous, e non sei cal emprego máis: Twitter e Spotify. Son das que paga sen dor os 9€ da suscripción Premium por levar Spotify no móbil (prefiro pagar eses 9€ a tomar unhas cañas!). E Twitter… definitivamente, son heavy user de Twitter. Deuse o caso xa de pasar máis de 24h sen twittear e recibir chamadas (ou whatsapps, mellor dito) de amigos preguntando se estaba ben.

Agos: -De seguro que despois de tantos anos no Social Media e entre empresas xa tedes algunha favorita ou que vos guste como traballa neste eido, cal é?
Antía:
-Non teño unha axencia ou empresa á que mire e diga: “oh, si, neste lugar quero traballar”. Cando era máis offline ou máis nova (non sei cal chegou antes) pensaba que Google molaba, que o rollito Silicon Valley estaba xenial ou que as empresas nas que os traballadores poden ir en patíns, que teñen tobogáns e o CEO leva camisetas de grupos de música eran el-no-va-más. Despois medras e descobres que o que importa realmente non é a empresa en si ou o cargo da túa tarxeta, senón o traballo que desempeñas, a posta en valor do mesmo e os compañeiros que te rodean. Por iso, se teño que escoller empresa agora mesmo, digo Ganapán :D

Agos: -Con Ganapán tentamos axudar aos negocios a moverse nas redes sociais con soltura e sen meter moito o zoco, cal é o que se puidérades elixir vos gustaría asesorar?
Antía:
-Estiven un bo cacho pensando nesta pregunta… e coido que se tivese que escoller un negocio en concreto ao que asesorar, este sería un colmado de barrio ou un bar de amigos. Un espazo pequeno cunha clientela habitual a expandir. Encántame a idea de facer medrar un comercio pequeno, axudalo a mellorar a súa visibilidade e conseguirlle máis e mellores clientes. Moito máis que asesorar a Apple, a The Who ou a Jack Daniel’s.

Agos: -Para acabar a pregunta máis complicada de todas, como chegastedes aquí? que decisión tomada fai moitos anos vos fixo estar hoxe en Ganapán?
Antía:
-No meu caso, a orixe de todo isto é clara: O primeiro paso para chegar ata aquí deino en Xuño do 2003, na preinscripción ás probas de acceso á universidade. A miña primeira opción ía ser Filoloxía Galega e a segunda Xornalismo. Cos papeis na man, a secretaria do meu instituto díxome: -”este ano hai unha carreira nova, “Comunicación Audiovisual” (facendo o xesto no aire), seguro que che gusta”. 1º Comunicación Audiovisual, 2º Filoloxía Galega. Unha década despois, non me arrepinto.

Comentarios

Deixa un comentario

UA-43720748-1