Privacidade, legalidade e integridade na rede | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

Sen comentarios

Privacidade, legalidade e integridade na rede

Privacidade, legalidade e integridade na rede
Antía Paz
  • En Setembro 3, 2014
  • http://about.me/antiapaz

Malia ter moitos contidos preparados para o “comezo” do curso tralo verán, queremos retomar a actividade do blog de Ganapán falando dunha nova que xa teredes lido nestes días se andades un pouco pola rede (nova que non imos enlazar): o roubo e difusión de imaxes privadas de actrices e cantantes a través do taboleiro dixital 4chan. ROUBO e PRIVADAS son as palabras clave deste asunto.

Á marxe do morbo ou curiosidade que poidan espertar as devanditas imaxes (a privacidade e o historial da casa ou smartphone de cadaquén saberá do seu), todo este tema está a xerar enconadas discusións nas que podemos comprobar como “a caverna” da rede ten moita máis presenza da que nos gustaría, con opinións que merecen unha resposta firme e clara, que parece quedar diluida entre os “chascarrillos” e os retweets. Compilamos algunhas reflexións que lemos ao longo destes días pola rede.

  • Non tires fotos espida se non queres que se partillen“. NON. Malia que si é certo que nesta era de contidos “na nube”, conectividade absoluta entre dispositivos e apps de mensaxería con certas fallas de seguridade hai que ter extremo coidado e manter actualizados contrasinais e ferramentas de seguridade, debe de quedar claro un asunto por riba de todos: as miñas imaxes son miñas e eu comparto o contido que me pete con quen a min me pete. Iso que quede ben claro.
  • Crea contrasinais seguros para evitar estas cousas“. SI e NON. Insistimos, por experiencia, na necesidade de crear contrasinais fortes (con maiúsculos, minúsculos, números e símbolos) para calquera enderezo de correo ou acceso a plataformas ou redes, así como vos recomendariamos que cambiarades a pechadura da porta do piso ao que vos mudades. Malia todo, un contrasinal feble, unha porta aberta, unha pechadura que se pode vencer dunha patada, non son un convite a acceder ao meu fogar ou aos meus contidos. NON, NON e NON.
  • Dentro do que consideramos obscenidade absoluta está o feito de que, quen accedeu ilegalmente aos contidos destas mulleres, decidiu pedir cartos (vaia, bitcoins, pero para o caso é o mesmo) a cambio de continuar “filtrando” máis contidos PRIVADOS de mulleres. Nin nos molestamos en considerar este feito. Violas a miña privacidade e queres sacar tallada dela… como diría a miña avoa: -”mereces un aplauso… na cara“.

Todos sabemos que a rede convirte calquera cousa que toca en viralidade, e como tal, “cousifica” calquera asunto. Calquera tema que chegue a Trending Topic ou obteña o foco e atención das redes sociais durante 5 minutos perde a súa capacidade humanizante. Todos vimos un retweet sobre este tema, unha nova, unha ligazón, unha (ou moitas) imaxes ao respecto… Durante este proceso, o chiste, a sorpresa ou a viralidade fixéronnos perder o punto de atención no que realmente nos deberiamos estar a fixar: a privacidade dunha persoa (de varias persoas) vén de ser violada e aireada publicamente. A min, persoalmente, non me gustaría que ninguén remexese nos caixóns da miña mesiña de noite, na miña caixa de correo ou nas miñas mensaxes privadas. Algo terás que ocultar pensará “a caverna”. Non. Simplemente é a miña vida. E sobre a miña vida, sobre o meu corpo e sobre a miña privacidade, mando eu. Non se nos esqueza.

Hai que coidar a nosa seguridade dixital para evitar que nos acontezan este tipo de cousas? Si, na medida na que o Goberno nos indica que como mulleres debemos de evitar as zonas escuras ou acender ou apagar luces do noso fogar para que pareza que non vivimos soas… Non perdamos de vista o foco: o que temos que facer é educar, educar e educar ao persoal para que todos entendamos que A VIDA PRIVADA DE CADAQUÉN É DE CADAQUÉN. Punto.

Deixa un comentario

UA-43720748-1