Que se fai coas redes sociais dun finado? | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

5 Comentarios

Que se fai coas redes sociais dun finado?

Que se fai coas redes sociais dun finado?
Antía Paz
  • En Febreiro 17, 2014
  • http://about.me/antiapaz

Redacto este post tanto por curiosidade coma por necesidade de respostas. Revisando os meus seguidores en Twitter decateime de que entre eles figuraba unha persoa finada hai uns meses e pregunteime se non habería forma de notificarlle a alguén esta cuestión (e qué se pode facer nestas situacións). Pode soar frívolo, pero para aqueles que temos máis presenza (e pertenzas) no mundo online ca no offline (e nunha cultura tan tanatocéntrica coma a galega), resulta case tan importante deixar claro o que queremos que aconteza cos nosos perfís coma o que queremos que se faga co noso corpo. E non o digo de broma.

O primeiro que debemos saber é que nós, como achegados dunha persoa finada, non podemos acceder ás súas redes pola vía habitual (é dicir, entrar co contrasinal para realizar calquera tipo de acción) xa que isto se considera usurpación da personalidade e é un delito. Os principais servizos a través da rede xa están a tomar parte nesta cuestión e ofrecen diversas alternativas coas que podemos acceder, bloquear, cancelar ou eliminar as contas de correo, banca online, redes sociais e demais dun ser querido que fina. Para evitarlle máis dor aos nosos achegados, o mellor que podemos facer, coma seres dixitais que somos, é pensar de antemán nestes temas e deixar unha serie de directrices para actuar no caso de que nos atopemos neste escenario.

Existen servizos coma Perpetu, nos que podemos darnos de alta e configurar cales son as nosas últimas vontades respecto á nosa presenza online. Tan só temos que indicar qué queremos que faga cada unha das nosas redes e asignar un contacto de confianza a quen lle chegará un código que activará en caso de pasamento. Podemos elixir se publicar un último post, descargar toda a información, cancelar as contas, administrar arquivos, borrar mensaxes privadas… en Facebook, Twitter, Gmail, Dropbox, Flickr, GitHub e LinkedIn.

Antía en Perpetu

Se queremos, podemos administrar a nosa conta de correo en Gmail para que se desactive de forma automática por desuso. Configúrase dende a propia conta de correo e permite reenviala a un contacto de confianza, desactivala ou eliminala por completo: google delete

Na meirande parte dos casos, os usuarios non son tan previsores e somos os demais quen temos que notificar o pasamento dun contacto. De ser así, atoparemos que as diferentes redes solicitan, como non pode ser doutro xeito, documentación oficial que así o corrobore. Google solicítanos o certificado de defunción (con tradución xurada, de non estar en inglés), e a nosa información de contacto (ademais da do finado). Facebook ofrécenos dúas vías: Por un lado, podemos crear unha conta conmemorativa da persoa falecida (advertíndonos de que estamos a cometer un delito no caso de que a información que proporcionamos non sexa certa). Nesta conta non poderemos realizar ningunha acción e a configuración de privacidade do finado permanecerá intacta (é dicir, a conta recibirá mensaxes privadas, poderá seguir publicándose no seu muro, etc). A conta conmemorativa só cambia porque deixa de aparecer como contacto suxerido, non se lle poden enviar novas peticións de amizade e desaparecerá da listaxe de aniversarios dos seus contactos. No caso de querer eliminar definitivamente a súa conta, deberemos enviar o certificado de nacemento e de defunción da persoa e os datos do perfil a suprimir. Twitter solicita, ademais do certificado de defunción, o noso grao de relación co finado, unha esquela ou obituario e a acción que queremos levar a cabo con esa conta (desactivar ou eliminar). LinkedIn solicita que lle enviemos unha mensaxe verificada a través de DocuSign, así coma os datos da persoa da que notificamos o pasamento, o seu email, relación entre nós e datos laborais do mesmo para poder ser localizado. Instagram solicita (vía Facebook) o certificado de defunción do usuario, así coma os datos da súa conta (e os de quen a reporta, aínda que non é necesario ser usuario de Instagram para enviar este formulario).

Existen servizos un tanto máis drásticos, coma JustDeleteMe (bórrame!) que, vencellados aos espazos sociais dunha persoa, eliminan o seu rastro en todas esas redes, evitando que quede pegada algunha do usuario. Pero como dixemos ao comezo: ollo con acceder a contas alleas, que é delito. Si, mesmo nestes casos.

O que queda claro é que, dende xa, a nosa presenza online tamén precisa dun intre de reflexión para pensar neste tipo de cuestións. Eu, dende xa, tomo partido.

Comentarios

  1. y0mizma

    Interesante, o tipo de cousa na que non soes pensar. Unha especie de “leva sempre muda limpa” dixital.

    Teño un par de contactos no Facebook que faceleron nos últimos anos. A súa familia e amigos continúan deixando mensaxes e compartindo con eles momentos e fotos. Unha especie de visita ao cementerio dixital, e sen necesidade de implicacións relixiosas. Por outra banda, atopo incómodas as suxerencias de xogar a “Words with friends” con eles.

    Quero pensar que tamén será posible notificar a Facebook, e facerlles tomar acción ao respecto, se alguén abre unha conta coa identidade dun falecido.

    Gracias por averiguar e informar ; )

    • Ola!

      O feito de non pechar o perfil dun falecido (se cadra tamén por non coñecer as vías para facelo) e empregalo como “lugar de pranto común” non me parece mal. No meu caso, moi similar ao que contas, acabei eliminando desta rede ao contacto finado, porque as mensaxes e lembranzas que os seus máis achegados publicaban a cotío facíanme sentir que estaba asistindo a algo moi privado e que non debería de estar vendo.

      O problema das aplicacións é que, precisamente, non é Facebook quen xestiona os seus avisos e suxerencias, senón aquelas empresas que se encargan de desenvolvelas e xestionalas. Supoño que será cuestión de tempo que os terceiros tamén tomen conciencia do asunto e filtren este tipo de notificacións, que agora abranguen a toda a nosa lista de contactos.

      Sobre o tema da suplantación de identidade, pódese denunciar directamente a Facebook dende aquí https://www.facebook.com/help/www/207209825981040 (no noso país a suprantación de identidade é un delito).

      Ah, e grazas a ti por lernos! :D

  2. Beatriz

    Como todo o referente á morte, a min hai cousas que me parecen belas e macabras á vez. E non sei escoller ben qué prefiro… Por exemplo, qué risas podería ser deixar un ultimo post e unha foto, algo que fose “hey, grazas, foron risas”, pero unha é a que se vai, non a que fica e as veces teño a sensación de que debería ser xs que quedan xs que deciden. Pero non o teño 100% claro.

    Na vida real, eu sempre deixei claro as miñas últimas vontades e teño a sorte de que a mina nai as sabe e as respeta (vale que riu naquela época na que quería ser enterrada coa bandeira galega, pero iso xa é outro tema, hahaha) peor certo é que se a miña familia sofre e quere outra cousa finalmente… eu xa estou morta, non? Entón, qué máis da?

    Qué macabrxs os poñedes Ganapán as veces! :P

    • Home, de todo hai que falar! O das últimas vontades ten un nome bastante apropiado, porque son “vontades” e non “obrigas”, así que malia todo o que deixemos nós por escrito (ou falado, ou mesmo nun autoexecutable coma é o caso), que se cumpra ou non quedará sempre na man dos que nos sobreviven.

      Eu, de momento, solicitei a descarga de información e peche de perfís, pero quen sabe! igual co paso do tempo me poño estupenda e deixo unha mensaxe para a posteridade, coma aqueles “Epílogos” de Canal+ onde máis dun limpaba a conciencia a base de enmerdar (e con perdón) aos que quedaban vivos xD

Deixa un comentario

UA-43720748-1