Si, o teu sobriño pode levar a comunicación da túa empresa | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

Un comentario

Si, o teu sobriño pode levar a comunicación da túa empresa

Si, o teu sobriño pode levar a comunicación da túa empresa
Agos Reigosa
  • En Outubro 24, 2013
  • http://about.me/agos_reigosa

Malia que só levamos un par de meses de vida, traballar nunha empresa que aúna servizos tan coñecidos por todos como son as redes sociais e a comunicación, dá para aprender do que nos pasa cada día, cousas boas e cousas malas. Hoxe imos falar dunha das máis duras: a profesionalización da comunicación nas empresas.

Si, o teu sobriño pode levar a comunicación da túa empresa. Pode redactar as notas de prensa, ser o community manager das túas redes sociais e moito máis, pero do mesmo xeito que lle deixarías facerse cargo do negocio, sería tras un bo periodo de aprendizaxe. Hoxe non nos imos quedar só no sobriño, imos falar dos propios xefes das empresas, xente cunha gran formación no seu eido que tras anos de traballo logran chegar á excelencia, ou cando menos a un bo desempeño do seu traballo: ¿Poden eles ocuparse da comunicación da súa empresa?, ¿poden trazar eles esa fina liña que ás veces separa unha crise de reputación dun éxito? Si, claro que poden, pero de novo, sexamos xustos con nós mesmos.

Poida que moitos comercios, profesionais e empresas aínda non se decatasen pero a profesionalización da comunicación, como a de moitos outro servizos, é algo moi real e necesario. Ninguén contrata a un albanel ao que lle guste cociñar nos ratos libres para que se encargue do banquete da súa voda, ninguén contrata ao chef dun restaurante con catro estrelas Michelín para que lle leve a contabilidade da súa empresa, entón, ¿por que pensamos que un profesional de calquera outro sector pode xestionar algo tan importante como a comunicación do seu propio comercio sen formarse, asesorarse e asimilar previamente o novo traballo que vai desempeñar?

A especialización e a formación son unha realidade en todo tipo de traballos. Acabáronse os tempos nos que un mesmo podía ser o contable, o mecánico e o condutor dunha empresa simplemente por ensaio-erro, agora toca formarse previamente. Non podemos arriscarnos a botar por terra todo o noso esforzo (e inversión) por non contar coas ferramentas necesarias para desenvolver de forma correcta o noso traballo. Sempre afirmamos que ninguén mellor que o propietario coñece o seu negocio, ao que tantas horas lle adica e no que tanto esforzo pon. Mais cando chega o momento de amosarllo ao mundo, de darlle difusión e dar o seguinte paso fóra do propio eido de coñecemento, toca formarse co mesmo entusiasmo que lle pomos ao noso traballo ou buscar o soporte profesional que precisemos, do contrario o esforzo será baldío.

Comentarios

Deixa un comentario

UA-43720748-1