Youtube, a rede que máis usamos e menos coñecemos (I) | Ganapán Comunicación
Image Image Image Image Image Image Image Image Image Image
Scroll to top

Top

2 Comentarios

Youtube, a rede que máis usamos e menos coñecemos (I)

Youtube, a rede que máis usamos e menos coñecemos (I)
Agos Reigosa
  • En Febreiro 3, 2014
  • http://about.me/agos_reigosa

Comezamos hoxe unha nova serie de entradas que imos adicar a falar en profundidade de Youtube, unha das redes sociais máis usadas e que, ao mesmo tempo, o usuario medio máis descoñece. Youtube, que como sabedes é propiedade de Google, é unhas das ferramentas máis infrautilizadas de toda a rede, tanto por profesionais coma por usuarios en xeral. Non vou negar que, coma todos, a primeira vez que entrei entendín por qué isto era así, xa que se non coñeces as ferramentas que se usan neste servizo de vídeo en streaming o máis normal é que fuxas dela (coma de calquera outra rede que che leve máis de 15 minutos entender). A realidade é que esta rede pode ser unha ferramenta moi potente sabéndoa empregar, e non só unha web á que acudimos na procura de vídeos entretidos.

Neste primeiro artigo abordaremos un par de conceptos básicos que debemos ter en conta ao acceder por primeira vez a Youtube. Nas vindeiras entradas relacionadas profundizaremos máis noutros aspectos coma a imaxe da nosa canle, o SEO dentro de Youtube ou o uso dos recursos que a propia plataforma nos brinda para enriquecer o noso contido (aínda que, como veredes no futuro, non todos son tan útiles como poderiamos agardar).

O primeiro que temos que ter claro é que o noso espazo en Youtube é unha canle. Nesta rede podemos ter máis dunha canle, pero todas deben estar vencelladas a unha conta de Gmail ou a unha páxina de Google+. O proceso de alta é moi sinxelo: se contamos cunha conta de correo en Gmail, accederemos a Youtube.com e introduciremos os nosos datos de acceso de Gmail (igual que para acceder a Google+). Se non, deberemos cubrir o formulario de alta, que creará por defecto unha conta de correo en Gmail, un usuario de Google+ e a nosa canle de Youtube.

Dentro da nosa canle hai varios apartados que usaremos a cotío como son as listas de reproducción e os “gústame“. Como diferenza respecto ao resto de redes, en Youtube estas dúas actividades quedan rexistradas no noso historial, consultable por calquera que acceda á nosa canle. Por iso é moi importante que, antes de facer nada coa nosa canle, definamos ben se o historial ou as listas de reproducción van ser privadas ou públicas. A nosa recomendación, se estás comezando, é que as establezcas coma privadas ata que o teñas todo baixo control. Se pola contra xa levas moito tempo usando Youtube e nunca te decataras disto, podes ir ao teu historial e revisar canto fixeches en Youtube dende que abriches a conta. Se non che interesa que isto sexa público, podes borrar todo o historial e establecelo coma privado a partires de agora.

É importante ter claro isto antes de continuar, moitos de nós empregamos Youtube a cotío sen tan sequera percatarnos. Os vídeos indexados en webs, que reproducimos fóra de Youtube, fan que nin nos enteremos de cando usamos esta rede, polo que poida que esteamos dicíndolle ao público que nos gusta a campaña da competencia polo simple feito de non lembrarse de que a sesión coa que estamos conectados é a da nosa empresa. Sabemos que isto soa moi básico e simple, pero é clave telo claro dende xa: ter o historial e a actividade da conta en privado resulta vital se non queremos ter sustos pouco agradables.

Imaxe: Flickr

Comentarios

Deixa un comentario

UA-43720748-1